Convocatoria ESTALMAT-Galicia 2013
A Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, en colaboración coa Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, presenta a Convocatoria 2013 do Proxecto “ESTALMAT- Galicia” para a detección e estímulo do talento en Matemáticas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, integrado no Proxecto ESTALMAT-España, conta co apoio económico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Fundación Vodafone-España, da FECYT, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), das Deputacións da Coruña e Lugo e do Concello de Guitiriz.
Obxectivo: Fomentar a afección e a habilidade especial en Matemáticas en nenos e nenas de Galicia, nacidos en 2000 ou 2001.
Proceso de selección: Constará de dúas fases:
- Proba de aptitude. Terá lugar o sábado 8 de xuño, ás 10 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Consistirá na resolución dunha colección de problemas.
- Entrevista persoal. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista cos 25 nenos e nenas preseleccionados na proba de actitude e cos seus pais ou titores, que previamente serán avisados persoalmente, encamiñadas a avaliar o interese e o grao de compromiso co proxecto.
A lista definitiva dos estudantes seleccionados farase pública na páxina web do proxecto: http://www.estalmatgalicia.com
Programa de Actividades: Ao longo dos cursos académicos 2013-14 e 2014-15 desenvolveranse as seguintes actividades formativas cos estudantes seleccionados:
- Campamento matemático ao comezo do curso 2013-14.
- Sesións de formación matemática: tres horas á semana durante as mañás dos sábados (20 sesións). Impartiranse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. As clases non queren adiantar contidos matemáticos do seu currículo escolar, senón, pola contra, desenvolver aspectos que habitualmente quedan fóra das actuais programacións de matemáticas de secundaria e que se consideran unha parte esencial da actividade matemática máis xenuína.
- Con carácter voluntario os alumnos poden continuar nos anos 2015-16 e 2016-17 nas actividades de Estalmat Pi (6 sesións anuais).
Desprazamento: Os pais e nais dos estudantes seleccionados deberán adquirir o compromiso de levalos e recollelos ao lugar onde se realicen as clases e actividades que, agás excepcións, é na Facultade de Matemáticas en Santiago.
Inscrición: É necesario cumprimentar o formulario ao que se accede no enlace que aparece ao inicio desta páxina, antes das 24 horas do 30 de maio de 2013. No lugar correspondente, opcionalmente, pode incluírse o nome dun profesor ou profesora que avale o interese e aptitude do estudante polas matemáticas.